
A Conferencia Internacional Acowas-EU, promovida pola Asociación das Traídas de Auga (Coxapo), celebrou en Pontevedra unha xornada dedicada á xestión comunitaria da auga potable no rural. Tras a apertura no Teatro Principal, o encontro continuou na Facultade de Dirección e Xestión Pública con mesas de traballo sobre regulación e boas prácticas dos sistemas de abastecemento autoxestionados. Participaron responsables de asociacións de varios países, representantes de administracións galegas e estatais, así como persoal investigador de universidades de Galicia, Austria e Irlanda, xunto con técnicos de ONG especializadas.
Inaugurada polo decano, Enrique Varela, e o deputado provincial Javier Tourís, esta xornada abrangueu tanto sesións de debate como de tres mesas de traballo simultáneas, dirixidas a reunir as perspectivas de asociacións, administracións e persoal investigador. Nunha destas xuntanzas participaron responsables das asociacións integrantes de Acowas-EU de varios países, mentres que outro dos encontros xuntou representantes da Consellería de Sanidade, de Augas de Galicia, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Abegondo, Ponteareas e Tomiño. Finalmente, a mesa de traballo das universidades contou coas intervencións de Enrique Varela, coordinador do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3; da profesora da Universidade da Coruña Acacia Nieves; do investigador da Universidade de Boku (Austria) Reinhard Pefer; da directora do Centro de Estudos da Auga do Instituto Dundalk de Tecnoloxía (Irlanda), Suzanne Linnare; do técnico da ONG Enxeñeiros sen Fronteiras Sergio Fernández e da investigadora predoutoral da UVigo Paula Díaz.