Subvención Augas de Galicia 2025

Subvencións para traídas de auga en Galicia 2025: Augas de Galicia convoca axudas de ata o 80 % do investimento (máx. 15.000 €) para mellorar captacións, depósitos e contadores das comunidades de usuarios. O prazo de solicitude remata o 24 de marzo de 2025.

Prazo de presentación

25/02/2025 00:00 - 24/03/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

Requisitos

  1. Para obter a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
    1. Estar legalmente constituídas como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano antes do 1 de xaneiro de 2025.
    2. Non teren sido sancionadas nin obrigadas á reposición da legalidade polo organismo de bacía por resolución firme posterior ao 1 de xaneiro de 2020.
    3. Cumprir cos requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
    4. Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
  2. Poderán ser beneficiarias as comunidades de usuarios que xa o foran ao abeiro da convocatoria anterior, agás aquelas comunidades de usuarios que, unha vez notificada a resolución de concesión, non levaron a cabo as actuacións subvencionadas nin renunciaron á subvención no prazo establecido nas bases da convocatoria.
  3. Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de subvencións, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste apartado dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Forma e lugar de presentación de solicitudes

  1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
    De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
    Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
    As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da devandita sinatura.
  2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, acéptase e declárase o seguinte:
    1. Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos esixidos na resolución de convocatoria.
    2. Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención apoderou a persoa que asina para presentar a solicitude e demais documentos esixidos na resolución de convocatoria.
    3. Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
    4. O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
    5. Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
    6. Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
    7. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
    8. Que a entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.
    9. O organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.
    10. O número de comuneiros da comunidade de usuarios.
    11. O acordo da asemblea xeral da comunidade de usuarios polo que se aproba participar na convocatoria de subvencións, o nomeamento da persoa representante para as súas relacións con Augas de Galicia e o compromiso de financiar o 20 % do investimento total da intervención por parte da comunidade de usuarios.

Documentación complementaria

  1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
    1. Documentación acreditativa do poder de representación nos termos establecidos na disposición adicional primeira desta resolución.
    2. Declaración responsable emitida e asinada electronicamente polo representante da comunidade de usuarios no modelo do anexo II desta resolución en que conste:
      1. O número de novos membros que se incorporaron á comunidade de usuarios desde o 1 de xaneiro de 2020.
      2. A relación de actividades comerciais ou públicas, entendendo como tales as actividades recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolven en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais.
      3. O importe das cotas que pagan anualmente os membros da comunidade de usuarios.
    3. Memoria descritiva das obras ou do equipamento, asinada electronicamente segundo o establecido na disposición adicional segunda e co seguinte contido mínimo:
      1. Descrición xeral do sistema de abastecemento que inclúa, cando menos, a localización das captacións, tratamentos e depósitos existentes, así como a xustificación, se é o caso, da inexistencia de alternativas de abastecemento a través doutras redes municipais ou veciñais.
      2. Xustificación das actuacións solicitadas indicando en que actuación subvencionable se encadra, segundo o artigo 3 da presente resolución, que inclúa a explicación da necesidade do proxecto e os obxectivos que se pretenden acadar coa súa execución.
      3. Plano ou esquema indicando a localización da actuación subvencionable con data non anterior ao 1 de xaneiro de 2022.
      4. Fotografías recentes que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.
      5. Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación. No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.
    4. Certificación do concello ou, de ser o caso, da entidade concesionaria do servizo de augas correspondente, sobre a viabilidade da conexión a outras redes de abastecemento emitida con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022.

    A falta de presentación da documentación indicada nas letras a) e c) poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 11 desta resolución sobre comprobación de datos.

    A falta de presentación da documentación indicada nas letras b) e d) deste apartado non será emendable, tramitándose a solicitude sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios e baremos do artigo 16 desta resolución.

    De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

    De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

  2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das comunidades de usuarios interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
  3. Toda a documentación achegada pola comunidade de usuarios no marco deste procedemento de subvencións poderá servir para a comprobación e/ou actualización do libro do rexistro de augas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.
  4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
  5. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.
  6. No caso de que algún dos documentos que se deban presentar electronicamente supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

  1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
    1. Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
    2. NIF da entidade solicitante.
    3. NIF da entidade representante.
    4. DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.
    5. Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
    6. Concesións de subvencións e axudas.
    7. Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor da comunidade de usuarios.
    8. Procedementos sancionadores ou de reposición da legalidade tramitados por Augas de Galicia con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.
    9. Informe do organismo de bacía correspondente acreditativo de que a entidade solicitante non tivo sancións ou resolucións firmes en procedementos sancionadores ou de reposición da legalidade con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, no caso de que as comunidades de usuarios non pertenzan á demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
    10. Resolucións ditadas pola Dirección de Augas de Galicia en relación coas solicitudes presentadas polas comunidades de usuarios na convocatoria de subvencións para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano do ano 2024.
  2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo na casa correspondente habilitada no formulario correspondente e achegar os documentos.
  3. Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
  4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Resolución

Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo

Anexos

Normativa

Contacto

Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Augas de Galicia
Praza Camilo Díaz Baliño, nº 7 e 9
15781 Santiago de Compostela (A Coruña)
Teléfono: 981 541 632
Email: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

 

 

Cadro resumo de datas importantes - Subvención Augas de Galicia 2025

Data Hito Fonte / Artigo
11/02/2025 Resolución de Augas de Galicia pola que se aproban as bases reguladoras Art. 1 – Resolución
24/02/2025 Publicación no DOG da resolución e do extracto da convocatoria DOG nº 37, 24/02/2025
25/02/2025 Inicio do prazo de presentación de solicitudes (día seguinte á publicación) Art. 5 – Extracto
24/03/2025 Fin do prazo de presentación de solicitudes (un mes) Art. 5 – Extracto
17/07/2025 Resolucións de concesión ditadas pola Dirección de Augas de Galicia DOG nº 164, 28/08/2025
20/08/2025 Resolución pola que se fan públicas as subvencións concedidas DOG nº 164, 28/08/2025
28/08/2025 Publicación no DOG da relación de subvencións concedidas DOG nº 164, 28/08/2025
01/10/2025 Data límite para a presentación da xustificación da subvención Art. 23.1 – Bases

Contacte connosco!!

É usuario da comunidade?

Contacte connosco!!

Grazas por enviarnos o correo, contestarémoslle canto antes!!