Subvención Augas de Galicia 2025
Subvencións para traídas de auga en Galicia 2025: Augas de Galicia convoca axudas de ata o 80 % do investimento (máx. 15.000 €) para mellorar captacións, depósitos e contadores das comunidades de usuarios. O prazo de solicitude remata o 24 de marzo de 2025.
Prazo de presentación
25/02/2025 00:00 - 24/03/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo concluirá o mesmo día en que se produciu a publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
Requisitos
- Para obter a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
- Estar legalmente constituídas como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano antes do 1 de xaneiro de 2025.
- Non teren sido sancionadas nin obrigadas á reposición da legalidade polo organismo de bacía por resolución firme posterior ao 1 de xaneiro de 2020.
- Cumprir cos requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
- Poderán ser beneficiarias as comunidades de usuarios que xa o foran ao abeiro da convocatoria anterior, agás aquelas comunidades de usuarios que, unha vez notificada a resolución de concesión, non levaron a cabo as actuacións subvencionadas nin renunciaron á subvención no prazo establecido nas bases da convocatoria.
- Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de subvencións, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste apartado dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.
Forma e lugar de presentación de solicitudes
- As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da devandita sinatura. - No formulario, que figura como anexo I desta resolución, acéptase e declárase o seguinte:
- Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos esixidos na resolución de convocatoria.
- Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención apoderou a persoa que asina para presentar a solicitude e demais documentos esixidos na resolución de convocatoria.
- Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
- O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
- Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
- Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- Que a entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.
- O organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.
- O número de comuneiros da comunidade de usuarios.
- O acordo da asemblea xeral da comunidade de usuarios polo que se aproba participar na convocatoria de subvencións, o nomeamento da persoa representante para as súas relacións con Augas de Galicia e o compromiso de financiar o 20 % do investimento total da intervención por parte da comunidade de usuarios.
Documentación complementaria
- As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
- Documentación acreditativa do poder de representación nos termos establecidos na disposición adicional primeira desta resolución.
- Declaración responsable emitida e asinada electronicamente polo representante da comunidade de usuarios no modelo do anexo II desta resolución en que conste:
- O número de novos membros que se incorporaron á comunidade de usuarios desde o 1 de xaneiro de 2020.
- A relación de actividades comerciais ou públicas, entendendo como tales as actividades recollidas no Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a Clasificación nacional de actividades económicas 2009 e as que se desenvolven en centros educativos, sanitarios, culturais e sociais.
- O importe das cotas que pagan anualmente os membros da comunidade de usuarios.
- Memoria descritiva das obras ou do equipamento, asinada electronicamente segundo o establecido na disposición adicional segunda e co seguinte contido mínimo:
- Descrición xeral do sistema de abastecemento que inclúa, cando menos, a localización das captacións, tratamentos e depósitos existentes, así como a xustificación, se é o caso, da inexistencia de alternativas de abastecemento a través doutras redes municipais ou veciñais.
- Xustificación das actuacións solicitadas indicando en que actuación subvencionable se encadra, segundo o artigo 3 da presente resolución, que inclúa a explicación da necesidade do proxecto e os obxectivos que se pretenden acadar coa súa execución.
- Plano ou esquema indicando a localización da actuación subvencionable con data non anterior ao 1 de xaneiro de 2022.
- Fotografías recentes que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.
- Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e as cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación. No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.
- Certificación do concello ou, de ser o caso, da entidade concesionaria do servizo de augas correspondente, sobre a viabilidade da conexión a outras redes de abastecemento emitida con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022.
A falta de presentación da documentación indicada nas letras a) e c) poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 11 desta resolución sobre comprobación de datos.
A falta de presentación da documentación indicada nas letras b) e d) deste apartado non será emendable, tramitándose a solicitude sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios e baremos do artigo 16 desta resolución.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, salvo que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
- A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das comunidades de usuarios interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o esixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
- Toda a documentación achegada pola comunidade de usuarios no marco deste procedemento de subvencións poderá servir para a comprobación e/ou actualización do libro do rexistro de augas da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa.
- Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
- O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.
- No caso de que algún dos documentos que se deban presentar electronicamente supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
- Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
- Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
- NIF da entidade solicitante.
- NIF da entidade representante.
- DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.
- Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
- Concesións de subvencións e axudas.
- Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor da comunidade de usuarios.
- Procedementos sancionadores ou de reposición da legalidade tramitados por Augas de Galicia con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.
- Informe do organismo de bacía correspondente acreditativo de que a entidade solicitante non tivo sancións ou resolucións firmes en procedementos sancionadores ou de reposición da legalidade con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, no caso de que as comunidades de usuarios non pertenzan á demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
- Resolucións ditadas pola Dirección de Augas de Galicia en relación coas solicitudes presentadas polas comunidades de usuarios na convocatoria de subvencións para a mellora do estado das instalacións de tratamento e almacenamento da auga de comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano do ano 2024.
- No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo na casa correspondente habilitada no formulario correspondente e achegar os documentos.
- Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
- Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Resolución
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Anexos
- Fase de xustificación
- Formulario de solicitude de pago anticipado
- Formulario de aceptación da subvención
- Presentación da documentación xustificativa da subvención (Anexo III)
Normativa
- Resolución do 11 de febreiro de 2025 (DOG nº 37 do 24 de febreiro de 2025)
- Extracto da Resolución do 11 de febreiro de 2025 (DOG nº 37 do 24 de febreiro de 2025)
- Resolución do 20 de agosto de 2025 (DOG nº 164 do 28 de agosto de 2025)
Contacto
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Augas de Galicia
Praza Camilo Díaz Baliño, nº 7 e 9
15781 Santiago de Compostela (A Coruña)
Teléfono: 981 541 632
Email: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Cadro resumo de datas importantes - Subvención Augas de Galicia 2025
| Data | Hito | Fonte / Artigo |
|---|---|---|
| 11/02/2025 | Resolución de Augas de Galicia pola que se aproban as bases reguladoras | Art. 1 – Resolución |
| 24/02/2025 | Publicación no DOG da resolución e do extracto da convocatoria | DOG nº 37, 24/02/2025 |
| 25/02/2025 | Inicio do prazo de presentación de solicitudes (día seguinte á publicación) | Art. 5 – Extracto |
| 24/03/2025 | Fin do prazo de presentación de solicitudes (un mes) | Art. 5 – Extracto |
| 17/07/2025 | Resolucións de concesión ditadas pola Dirección de Augas de Galicia | DOG nº 164, 28/08/2025 |
| 20/08/2025 | Resolución pola que se fan públicas as subvencións concedidas | DOG nº 164, 28/08/2025 |
| 28/08/2025 | Publicación no DOG da relación de subvencións concedidas | DOG nº 164, 28/08/2025 |
| 01/10/2025 | Data límite para a presentación da xustificación da subvención | Art. 23.1 – Bases |